Arquivo por autores: Isabel M. Barcón
Recitamos ” O carro” de Manuel María.
O CARRO
Teño un carriño cantor,
teño un carro cantareiro
¡con fungueiros afiados
e con eixo de amieiro!
O meu carro canta ben,
non pode cantar mellor,
¡Meu carriño cantareiro,
meu carriño cantador!
O meu carro canta, canta;
nunca cansa de cantar.
¡De día cántalle ao sol;
de noite, canta ao luar!
Ouh, meu carriño cantor:
cantas agora e despois.
¡Con que fachenda te leva
a parelliña de bois…!
Manuel María, Os soños na gaiola, 1990
Recita o poema Yolanda Vázquez Pajón de 1º ESO B.
Recitamos a Díaz Jácome: “García Lorca en Compostela”.
Chove en Santiago
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brila entebrecido o sol.
García Lorca.
Auga peneirada
por anxos de néboa,
cae feita vidro
sobre Compostela.
– ¡Ai, como resoa
no tambor das pedras!
A enloitada lúa
e as orfas estrelas
choran mainamente
sobre Compostela.
– ¡Ai, como nos doe
o son da súa queixa!
¿Quen desfolla o pranto
das outas camelias?
¡Quen espalla bágoas
sobre Compostela?
– ¡Ai, que tenro orballo
soñou o poeta!
Xosé Díaz Jácome, Muíño fidel, 1983
Recitan Selena Canoura, Gil Montoya e Andrea Riguera de 1º ESO A.
https://soundcloud.com/isabelmbs-1/chove-en-santiago-1
“O neno durmía” de Xosé Díaz Jácome.
O NENO DURMÍA
Como unha cantiga…
Na máis outa aldea
leda romaría.
Perdida no monte…
Anxos de cristal
a soñar na fonte.
O Neno durmía…
As bágoas da estrela
na frol máis noviña.
No colo da noite…
Os sapos anainan
ó Neno que dorme.
Como unha cantiga
perdida no monte,
o Neno durmía
no colo da noite.
Muíño fidel, 1983
Recitan o poema Luís Miguel González e Manuel José Pita de 1º C.
Recitando a Pondal, o bardo de Bergantiños.

bardo
Recita Jaime Casariego de 1º ESO B.
Das africanas praias veciñas,
Como costuman,
Retornarán,
As amabres e doces anduriñas;
E polo bardo,
Preguntarán.
Mais os curutos,
En donde os pinos
Queixarse sóen,
C’o vento soán,
Xa sabedores
Dos seus destinos,
Cal quen teme decir esquiva nova,
Nada dirán.
Queixumes dos pinos, 1886
Recitan Miguel Domínguez e Manuel Penabad de 1º ESO C.
Cando as doces anduriñas,
Baixo un aleiro pousadas,
Descansan do seu camiño,
En busca da ardente Africa;
As amantes viaxeiras,
Co pico baixo da ala,
N’ aquel garrido silencio,
En qué pensan?—Na súa pátria.
Cand’ eu era estudiante,
E ó doce albergue tornaba,
Lento cruzando a cabalo,
A fea terra de Xallas:
Ó atravesar silencioso,
As soas é esquivas gandras,
As rendas abandonando,
Ó impulso das vagas auras,
Pol’ agreste soedade,
Pensativo camiñaba.
En qu’ iba pensando estonces,
Decíde, ventos de Xallas:
—Sempr’ iba pensando néla,
N’ aquela doce rapaza,
Q’ era filla de Santiago,
Branca, garrida é fidalga.
Recitamos “A princesa roiba” de Ramón Cabanillas.
A PRINCESA ROIBA…
Reza un merlo no souto
frorido de cereixos
relixioso ofertorio
duns místicos amores.
Pasa un vento de bicos
que vai buscando beixos,
como enxame de abellas
que vai buscando frores.
Fío a fío debulla
súa madeixa a fonte
barbullando chorosa
o verso lexendario
do Paxe do Castelo
aforcado na Ponte
e da Reina encantada
no Pazo solitario.
Nas follas dos salgueiros
pelexas e chilidos.
Un trasno luxurioso
estala en gargalladas
ollando, sobre o espello
das augas, os despidos
corpos, cristal e neve,
dun fato de driadas.
Nos cálices das rosas
hai comunión de orballo.
Mentras no rexio alcázar
xunto ó baleiro trono
por ela espera a Corte,
á sombra dun carballo
texe a Princesa roiba
un encaixe de Ensono.
Recitan o poema Amanda Mariano e Patricia Rodríguez, de 1º ESO B
Recitamos “Las golondrinas” de Ana María Romero Yebra.
Recitando a Manuel María : “O meu burriño”
O 8 de setembro de 2004 finaba na Coruña Manuel María Fernández Teixeiro.Xa hai 9 anos diso, pero a súa poesía segue sendo válida e apreciada por moita xente. En 1º da ESO eleximos o poemario Os soños na gaiola para comezarmos a ler poesía.É un libro de poesía infantil publicado en 1968, pero reeditado por Xerais en 1990 con debuxos do mestre da ilustración Xaquín Marín.
O autor, nunhas palabras iniciais, di que “son versos que este humilde autor botou de menos cando el era neno. Versos que, por outra banda, non había na literatura galega e que tan preciosos son. Eu quixera encher, en parte, este oco”.
Esta é a nosa pequena homenaxe ao poeta lugués Manuel María.
O meu burriño
¡Arre, corre,
meu burro trotón,
meu burriño manso,
meu burriño bon!
_¡Corre meu burriño;
non galopes, voa!
¡A ver si lle gañas
ao vento que zoa!
_¡Arre meu burriño,
que es un preguiceiro!
¡A ver se lle gañas
ao vento lixeiro…!
_¡Corre, meu burriño,
nos cascos pon ás!
¡Se queres, o vento
deixarás atrás…!
_¡Arre, meu burriño!
¡Corre máis deprisa!
¡Que se perde o vento
xa verás que risa…!
Recitan o poema Paula Alonso e Ana Basanta de 1º ESO C.
Como é un poema descritivo, nel abundan os adxectivos referidos ao burriño: trotón, manso, bon, preguiceiro. A que outro elemento se lle engade un adxectivo?
As 5 estrofas do poema están entre signos de exclamación, un signo de puntuación que se utiliza despois dun enunciado para indicar entoación exclamativa, a propia da expresión das emocións, da vehemencia, do desexo e das ordes.
Cres que é unha boa forma para expresar a emoción do autor cando, sendo un neno, ía montado no seu burriño?
Recitando “Campás” de Manuel María.
Campás
Ergue, meu neniño,
ergue, lacazán.
que as campás xa tocan
con ledo din – dan.
_¡Ledas campaíñas,
xa tocando están
que chegou a ialba
chamando á mañán!
_Tocan as campás
e andan a falar
cousas moi fermosas
por todo o lugar.
_¡Falan as campás
con voz de metal:
o seu canto voa
dende o monte ao val!
_Érguete, meu neno,
porque o campaneiro
deixa de tocar
se eres preguiceiro!
_As ledas campás
xa non tocarán
¡se eres preguiceiro,
se eres nugallán!
Manuel María: Os soños na gaiola,1990.
Ilustracións de Xaquín Marín.
Recitan o poema Ana C. e Andrea G. de 1º ESO C. Moi ben as dúas!
Recitando “O pardal” de Manuel María.
O pardal é moi humilde.
Moi humilde e pobretón.
¡Sempre anda pía, pía
sen dicir unha canción!
O pardal é moi humilde
e anda sempre mal vestido.
¡E non ten porte fermoso
nen vistoso colorido…!
O pardal é moi pobriño:
nunca sae de viaxe.
¡O pardal é tan pobriño
que non ten senón un traxe!
O pardal viste de gris,
o pardal viste cincento.
O seu triste pío, pío,
¿non ten aires de lamento?
Manuel María: Os soños na gaiola,1990
Recitan o poema David Fernández e Jorge Rivera de 1º A.




















