
O 8 de setembro de 2004 finaba na Coruña Manuel María Fernández Teixeiro.Xa hai 9 anos diso, pero a súa poesía segue sendo válida e apreciada por moita xente. En 1º da ESO eleximos o poemario Os soños na gaiola para comezarmos a ler poesía.É un libro de poesía infantil publicado en 1968, pero reeditado por Xerais en 1990 con debuxos do mestre da ilustración Xaquín Marín.
O autor, nunhas palabras iniciais, di que “son versos que este humilde autor botou de menos cando el era neno. Versos que, por outra banda, non había na literatura galega e que tan preciosos son. Eu quixera encher, en parte, este oco”.
Esta é a nosa pequena homenaxe ao poeta lugués Manuel María.
O meu burriño
¡Arre, corre,
meu burro trotón,
meu burriño manso,
meu burriño bon!
_¡Corre meu burriño;
non galopes, voa!
¡A ver si lle gañas
ao vento que zoa!
_¡Arre meu burriño,
que es un preguiceiro!
¡A ver se lle gañas
ao vento lixeiro…!
_¡Corre, meu burriño,
nos cascos pon ás!
¡Se queres, o vento
deixarás atrás…!
_¡Arre, meu burriño!
¡Corre máis deprisa!
¡Que se perde o vento
xa verás que risa…!
Recitan o poema Paula Alonso e Ana Basanta de 1º ESO C.
Como é un poema descritivo, nel abundan os adxectivos referidos ao burriño: trotón, manso, bon, preguiceiro. A que outro elemento se lle engade un adxectivo?
As 5 estrofas do poema están entre signos de exclamación, un signo de puntuación que se utiliza despois dun enunciado para indicar entoación exclamativa, a propia da expresión das emocións, da vehemencia, do desexo e das ordes.
Cres que é unha boa forma para expresar a emoción do autor cando, sendo un neno, ía montado no seu burriño?
