Arquivo por meses: Marzo 2015
Recitando sonetos de Manuel María: “A casa e o seu contorno amurallado”,
A casa e o seu contorno amurallado,
erguidos con paciencia e sentidiño
eran un mundo antigo e pequeniño
e un feliz universo desexado…
A casa e o seu contorno ben cercado,
no que a vida corría de mansiño,
tiña a quentura tépeda dun niño
e as ríxidas fronteiras dun estado.
A casa : matria, patria, fundamento
do desacougante drama do existir,
alegre ás veces e outras tristurento.
A casa é para nacer, para vivir.
E deixarlle en herdo o último alento
cando, á forza, teñamos que partir.
Lidia e Lucía, 1º B
Cos ollos do recordo estouno vendo:
era un forno cabal e de respeto!
Que forno tan redondo! Que completo!
Enchía o universo seu recendo.
Un día derrubárono. Ante tal feito
A casa vai, ben vedes, murchecendo.
Non podo comprender e non comprendo
como aquel forno pode estar desfeito.
Eu lembro ben a nai cando cocía:
todo, como un milagre, recendía
a fartura, centeo e pan de trigo!
Que gozo máis enorme! Que alegría!
Que aroma inesquecíbel, tan amigo,
nos regalaba o pan de cada día…!