A CERNA
HASE DE amar a cousa hastra que sangre,
O verdadeiro amor enferra en neve,
ara nun mar de rosas suco leve,
ai pro acadulla en sangre.
Tinguéuseche o machado en sangre loura,
Ai cómo, cernador, doi a batalla
coa que ún ama! Qué moura é a sombra moura
do machado na galla!
Despida contra o ceio A Que Non Fala,
a póla firme coma un xuramento,
berra nos dentes do machado e estala
e tordea no vento…
Sobre os cómbaros dondos coma un melro,
sobre as cornas dos bois, sobre o camiño,
cae arroulando un niño…
Eu vinte contra o sol, unha hora tola,
abrazado ao teu toro, derregando
a traxedia de Deus. Dóinos a póla,
pro seguimos cernando!
Hastra que caia a derradeira estrela,
cairá o machado en carne que choramos,
unha vida que amamos.
(Tirado da Antoloxía de poesía galega (Do posmodernismo aos novos) de Francisco Fernández del Riego)