“Oda á filloa” de Marica Campo.

filloas3

ODA Á FILLOA

Ves das mans das avoas das nosas avoas,
moi ilustre señora, filloa, vella amiga,
fino corpo lixeiro, leite e fariña triga,
para ti a nosa festa, para ti as nosas loas.

Se con mel ou con zucre, toda amor, te nos doas,
é xusto que adozada a nosa língua diga
por mellor festexarte tamén unha cantiga
en Muimenta onde hoxe raíña te coroas.

Aquí está a túa casa, que o pobo ten memoria
e sábeche as fazañas, os días de contento
que regalache ós pobres todo ó longo da historia.

O antigo e o novo, xuntos nun mesmo alento;
traerán a esta vila un futuro de gloria,
¡que árbore con raíces non a derriba o vento!

Marica Campo

marica

Marica Campo

 

Recitamos a Marica Campo: “Tras as portas do rostro”.

palomartrat2
Iremos  xuntos pola horta,
a das mazás reinetas, a do pombal sombrío
que as pombas xa deixaron para a hedra.
E entraremos na casa
onde a miña pantasma está espiando
unha culpa longuísima sen nome.
Olla a miña pantasma: come lilas,
pálidas lilas
mortalmente ancoradas nalgún libro.
Hai unha páxina tal vez que busca,
un verso nunca escrito que procura,
unha palabra para abrir a porta.
Ensaia a conta atrás polos reloxios,
sangra e desángrase de soidade soa
desde as veas da chuvia
e dorme á fin cando a mañá desperta
e o día alza a vida coma un mastro.
                                                                        1989

Recitan Carla García e Jorge Fraga de 1º C.

Lilas

Lilas

O pase de diapositivas require JavaScript.