Recitando a Manuel María : “O meu burriño”

burro

O 8 de setembro de 2004 finaba na Coruña Manuel María Fernández Teixeiro.Xa hai 9 anos diso, pero a súa poesía segue sendo válida e apreciada por moita xente. En 1º da ESO eleximos o poemario Os soños na gaiola para comezarmos a ler poesía.É un libro de poesía infantil publicado en 1968, pero reeditado por Xerais en 1990 con debuxos do mestre da ilustración Xaquín Marín.

O autor, nunhas palabras iniciais, di que “son versos que este humilde autor botou de menos cando el era neno. Versos que, por outra banda, non había na literatura galega e que tan preciosos son. Eu quixera encher, en parte, este oco”.

Esta é a nosa pequena homenaxe ao poeta lugués Manuel María.

O meu burriño

¡Arre, corre,

meu burro trotón,

meu burriño manso,

meu burriño bon!

_¡Corre meu burriño;

non galopes, voa!

¡A ver si lle gañas

ao vento que zoa!

_¡Arre meu burriño,

que es un preguiceiro!

¡A ver se lle gañas

ao vento lixeiro…!

_¡Corre, meu burriño,

nos cascos pon ás!

¡Se queres, o vento

deixarás atrás…!

_¡Arre, meu burriño!

¡Corre máis deprisa!

¡Que se perde o vento

xa verás que risa…!

Recitan o poema Paula Alonso e Ana Basanta de 1º ESO C.

Como é un poema descritivo, nel abundan os adxectivos referidos ao burriño: trotón, manso, bon, preguiceiro. A que outro elemento se lle engade un adxectivo?

As 5 estrofas do poema están entre signos de exclamación, un signo de puntuación que se utiliza despois dun enunciado para indicar entoación exclamativa, a propia da expresión das emocións, da vehemencia, do desexo e das ordes.

Cres que é unha boa forma para expresar a emoción do autor cando, sendo un neno, ía montado no seu burriño? 

burriño